O PP critica o "ridículo" do Concello en Monte Porreiro e esixe melloras para o barrio

Pontevedra
29 de setembro 2021

Rafa Domínguez acusa o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de ter "abandonado" o barrio e considera "inexplicable" que o goberno local diga agora que paraliza o proxecto de humanización

Rafa Domínguez
Rafa Domínguez / Mónica Patxot

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, considera que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, protagonizou o "máis absoluto dos ridículos" coa paralización do proxecto de humanización do barrio de Monte Porreiro.

"É inexplicable que un alcalde que fai unha modificación de crédito, que leva un proxecto, que presenta as laxas que vai poñer... De repente diga que se bota atrás e que non o fai", criticou o portavoz da oposición. "É un ridículo espantoso de Lores e xa van varios", abundou.

Á marxe das críticas a esta marcha atrás, advirte Domínguez que a súa formación "non vai consentir que paralicen os investimentos en Monte Porreiro". Denuncia o popular que este barrio "xa foi abandonado por Lores en moitas ocasións e esta foi unha vez máis". Por iso esixirán ao goberno local que faga as melloras pertinentes e avance na humanización de Monte Porreiro aínda que non leven a cabo o plan de peonalización da rúa Alemaña.

"Monte Porreiro non merece o trato que Lores lle dá", finalizou o líder da oposición.