O PP critica que a Mesa pola Bicicleta leve dende agosto sen reunirse

Pontevedra
03 de marzo 2017

Os populares solicitan que o Concello se adhira a un plan estatal para a normalización do uso da bici como medio de transporte

Pedalada entre Pontevedra e Marín en homenaxe a Manuel Mesías e Cristóbal Hermida
Pedalada entre Pontevedra e Marín en homenaxe a Manuel Mesías e Cristóbal Hermida

O grupo municipal do Partido Popular critica que dende o pasado mes de agosto non se convocou unha nova reunión da Mesa pola Bicicleta, que é como se coñece ao grupo de traballo, do que forman parte o Concello e colectivos que defenden a promoción da bicicleta como medio de transporte.

O concelleiro popular César Abal culpa ao edil de mobilidade, Luis Bará dun "claro desleixo das funcións que lle foron encomendadas".

Abal sinala que a día de hoxe colectivos coma Pedaladas ou Masa Crítica continúan traballando en solitario nunha serie de eventos para promocionar o uso da bici, porque "Bará nin está, nin se lle espera", dixo o concelleiro do PP.

Ademais, os populares solicitan, a través dunha moción que presentarán no vindeiro pleno municipal, que o Concello de Pontevedra se adhira ao Manifesto a favor do Plan Estratéxico da Bicicleta co que se persigue implicar a todas as administracións para lograr a normalización da bicicleta como medio de transporte.