O PP da por zanxada a crise interna en Pontevedra trala xuntanza entre Jacobo Moreira e os edís díscolos

Pontevedra
26 de setembro 2012

"Fue como una discusión de pareja, que acaba de dos formas, o separándose o reconciliándose. En este caso es lo segundo⿝, afirmaron os críticos

"Se ha hablado tranquilamente y está todo aclarado y resuelto. La crisis está zanjada. No volverá a ocurrir". Esta foi a escueta declaración de Jacobo Moreira ao término da súa reunión, de apenas unha hora, cos cinco edís díscolos (máis Celia Soto, concelleira ausente no pleno "pero que opina como nós", segundo confirmaron eles mesmos) e celebrada na sede local do partido.

E todo pola intervención do presidente provincial do partido, Rafael Louzán, quen convocou de urxencia pola mañá aos edís que romperon a disciplina de voto do PP no pleno do martes, para pechar dunha vez por todas a ferida aberta no seo do grupo, especialmente por producirse nun momento tremendamente inoportuno, ás portas da campaña electoral.

De feito, trala reunión mantida con Moreira, os seis concelleiros rebelados (Ricardo Aguilar, José Manuel Guillán, María Biempica, Celia Soto, Begoña Laya e Pablo Fernández), aínda se desprazaron á sede provincial do PP para manter un segundo encontro con outros dirixentes da cúpula da formación popular.

Ao finalizar a devandita reunión, igual que momentos antes explicara o voceiro do PP pontevedrés, dous dos concelleiros díscolos, Ricardo Aguilar e José Manuel Guillán, ratificaron que daban por resolto este conflito, non sen antes aclarar que a súa abstención no pleno, que supuxo a orixe desta crise, "non foi premeditada", e comparouna a unha discusión de parella, "que acaba de dúas formas, ou separándose ou reconciliándose. Neste caso é o segundo".

Péchase así, polo menos por agora, esta rebelión interna no PP, que ameazaba con deixar a Jacobo Moreira en franca minoría no grupo municipal. Tan só outros catro concelleiros (de 11 que o PP ten no Concello de Pontevedra), María José Rodríguez Teso, Ana Isabel Vázquez, Beatriz García Riestra e César Abal, apoiaron a súa proposta de delegar noutro edil o único soldo do que dispón o PP no Concello.

Arquivado en