O PP de Barro pide a mellora de camiños en Portela e Porráns

Umia
28 de maio 2020

O principal grupo da oposición asegura recibir numerosas queixas de veciños polo mal estado dos espazos públicos do Concello

O PP de Barro pide a mellora de camiños
O PP de Barro pide a mellora de camiños / Partido Popular de Barro

O grupo municipal do Partido Popular do Concello de Barro presentará no próximo pleno unha moción a través da que solicitan a mellora de varios camiños situados nas parroquias de Portela e Porráns.

Desde a oposición aseguran estar a recibir numerosas queixas por parte de veciños que denuncian danos e a necesidade de acometer melloras en servizos básicos en camiños e espazos públicos do Concello.

Por iso, instarán o pleno á aprobación dun plan que recolla a execución dun proxecto de mellora dos accesos no lugar de San Amaro. "Concretamente no camiño que vai desde o Bar Peregrino ata o lugar da Modia dotándoo de capa asfáltica, cunetas de recollida e evacuación de pluviais e iluminación pública", solicitan.

Reclaman o mesmo tipo de actuación para o camiño municipal que dá acceso a unha vivenda situada en Porráns incluíndo un contedor para a recollida de lixo.