O PP de Caldas de Reis critica o retraso do goberno local polo Centro de Saúde

Umia
19 de decembro 2023

O voceiro municipal do Partido Popular de Caldas de Reis, Fernando Pérez, destacou que o tan ansiado novo Centro de Saúde que Caldas necesita conta con financiamento para a súa construción no novo orzamento da Xunta de Galicia "pero o bipartito non é quen de asinar o convenio para iniciar a redacción do proxecto"

Fernando Pérez, portavoz do Partido Popular de Caldas de Reis
Fernando Pérez, portavoz do Partido Popular de Caldas de Reis

O voceiro municipal do Partido Popular de Caldas de Reis, Fernando Pérez, lamentou o retraso municipal polo Centro de Saúde.

Os populares destacaron que o tan ansiado novo Centro de Saúde que Caldas necesita conta con financiamento para a súa construción no novo orzamento da Xunta de Galicia "pero o bipartito non é quen de asinar o convenio para iniciar a redacción do proxecto".

Fernando Pérez critica a "desvergoña" do goberno PSOE – BNG "de enviarlle, recentemente, unha carta á consellería dicíndolle que aínda non dispón dos terreos para o acceso á parcela".

Pero ademais, engade o PP que "a deriva deste bipartito chega ao extremo de que no Parlamento de Galicia presentan unhas emendas para Caldas non coincidintes", polo que sinala que socialistas e nacionalistas "nin teñen un proxecto común de pobo, nin concordan coas súas demandas e, por suposto, sitúanse nunhas contías moi afastadas das que o Concello precisa e que están por baixo das aprobadas pola propia Xunta".

Así, o PP revelou que o Bloque presentou nas súas emendas a dotación de só un millón de euros para o novo Centro de Saúde mentres o PSOE limitounas a 500.000 euros. 

"Non saben, ou non queren saber, que esta construción se financia con cargo o Plan de Infraestruturas de Atención Primaria e que o que teñen eles que facer é asinar o convenio que está no Concello desde hai meses e entregar a parcela con accesos para que a Xunta inicie rapidamente a construción porque está desexando facelo, xa que se considera prioritario”, rematou Pérez.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora