O PP de Cerdedo-Cotobade acusa o PSOE de presentar mocións repetidas e fóra de prazo

Cerdedo Cotobade
30 de novembro 2018

O portavoz do Partido Popular, Jorge Cubela, ironiza e di que acepta o debate "para que a oposición non desapareza aínda máis". Lamenta a falta de respecto da oposición e a escasa aportación dos socialistas ao progreso do Concello 

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade / Mónica Patxot

O PP de Cerdedo-Cotobade mostrou o seu malestar polo funcionamento do grupo municipal do PSOE nos últimos meses. Entende que presentaron numerosas mocións con contidos repetidos e nalgúns casos fóra do espazo temporal establecido pola lei para o seu debate nas sesións plenarias. 

En todo caso, Jorge Cubela, presidente de Cerdedo-Cotobade e portavoz do grupo municipal do PP, ironiza cos socialistas e sinala que acepta o debate das propostas que propoñen para que "a oposición non desapareza aínda máis do que está no concello". Cubela alégrase da incorporación á vida municipal e que presentaran todo en tempo e forma.

O Partido Popular afirma que no último pleno se aprobou unha ordenanza de uso da lingua galega presentada polo goberno local e lamenta que os socialistas os acusen falsamente de rematar coa lingua.

Cubela tamén ironiza pola presenza do coportavoz dos socialistas, Xoel Vázquez, tras un ano e medio sen acudir ás sesións plenarias sen ofrecer xustificación. O presidente do municipio alégrase de que apareza xusto cando quedan seis meses para as eleccións municipais. O portavoz popular recoméndalle que "traballe todos os días polo pobo, que é o que queren os veciños e non faga tanta propaganda".