O Partido Popular de Cuntis, a través da súa voceira municipal Isabel Couselo, vén de denunciar a grave situación económica do Concello, que acumulaba 2.867.740 euros en facturas pendentes a 30 de xuño deste ano.
Segundo os datos oficiais do Ministerio de Hacienda revelados pola concelleira popular, o Concello de Cuntis só foi capaz de liquidar 305.390 euros das facturas recibidas no segundo trimestre, deixando sen abonar o 90,3% do total.
Esta situación sitúa a Cuntis como o concello da provincia con máis impagos, segundo os populares
Couselo critica duramente a xestión do alcalde Manuel Campos, afirmando que está a levar as arcas municipais ao "abismo económico".
A edil sinala que o Período Medio de Pago a Provedores (PMP) ascendeu a 269,82 días, 50 días máis que no trimestre anterior, o que supón o segundo peor dato da provincia.
A voceira do PP advirte que esta situación "vai ter graves consecuencias" e non descarta que poida provocar unha forte suba de impostos para os veciños.
Ante isto, o grupo popular anuncia que presentará propostas e iniciativas plenarias para atallar o problema, aproveitando que a oposición ten maioría na corporación.