O PP de Poio esixe o arranxo das prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida en San Salvador

Poio
18 de agosto 2022

Os populares denuncian que as ramplas de acceso a estas prazas ocupan boa parte do espazo reservado para aparcar e esixen unha correción inmediata  

O PP de Poio denuncia problemas de accesibilidade nas novas prazas para discapacitados de varias rúas de San Salvador
O PP de Poio denuncia problemas de accesibilidade nas novas prazas para discapacitados de varias rúas de San Salvador / PP de Poio

O PP de Poio faise eco das queixas de veciños de San Salvador polos erros cometidos na construción de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida en distintas rúas da parroquia, e solicitou que se corrixan para dar unha solución ás necesidades destas persoas.

A popular Rocío Cochón visitou a zona das Rúas Valiña e Benigno Esperón e comprobou como a actuación do Concello non deu solución ao problema de accesibilidade co que se atopan os veciños e usuarios das prazas, xa que en máis de media ducia de casos a rampla de acceso ocupa máis da metade da praza.

A causa destes fallos, por un lado os vehículos dos usuarios da praza montan por riba da rampla, sen espazo para que os usuarios de cadeira de rodas ou muletas poidan descender do vehículo e tampouco poden acceder á beirarrúa ao estar ocupada a rampla polo vehículo. “En resumo, un erro que prexudica directamente aos veciños que máis necesitan unha correcta accesibilidade”.

Cochón trasladou as queixas destes veciños na Comisión Municipal de Urbanismo e urxiu unha solución inmediata, recordando que o PP leva varios anos propoñendo actuacións para mellorar a accesibilidade municipal en Poio, algo no que "o tripartito sempre chega tarde, mal e, cando finalmente fan algo, van ter que volver a facer e a pintar as prazas porque as fixeron mal”.

Non é o único problema que denuncian os veciños deste barrio, xa que Cochón recolleu numerosas queixas sobre a falta de mantemento do espazo público, polo que proximamente os populares pedirán un plan de actuación completo para a zona.