O PP de Poio reclama ao Goberno central unha saída da AP-9 en Portosanto

Poio
21 de agosto 2024

Segundo os populares, a medida busca desconxestionar o nó da Barca, un dos puntos de maior intensidade de tráfico na provincia de Pontevedra, con máis de 23.000 vehículos diarios, dos que 1.200 son transportes pesados

O goberno local de Poio reclama unha saída da AP-9 en Portosanto
O goberno local de Poio reclama unha saída da AP-9 en Portosanto / Partido Popular de Poio - Arquivo

O Partido Popular de Poio solicitará ao Goberno central a creación dunha nova saída da AP-9 en Portosanto, presentando unha moción que será debatida no pleno ordinario de agosto.

A concelleira popular Rocío Cochón explicou que a medida busca desconxestionar o nó da Barca, un dos puntos de maior intensidade de tráfico na provincia de Pontevedra, con máis de 23.000 vehículos diarios, dos que 1.200 son transportes pesados,.

A nova saída melloraría a seguridade e a mobilidade, especialmente nas parroquias de San Salvador e San Xoán, e sería economicamente viable ao conectar coa PO-309, unha vía ampla e de dobre sentido, en terreos de titularidade estatal.

Cochón destacou que a actuación beneficiaría a máis de 13.000 veciños e numerosos traballadores, así como a áreas de gran actividade como Campelo.

O PP espera o apoio unánime de todos os grupos da Corporación para esta proposta.

A moción foi ditaminada favorablemente na Comisión de Facenda, con votos a favor do PP e a abstención de PSOE e BNG.

Cochón subliñou a importancia de presentar a proposta ante o Goberno central co respaldo de toda a corporación municipal para garantir a súa execución.

O BNG AMOSA A SÚA PREOCUPACIÓN POLO PORTO DE COVELO

O BNG de Poio solicitará a reactivación do proxecto do Porto de Covelo convocando unha reunión cos colectivos implicados a principios de setembro.

O obxectivo é analizar o estado actual do proxecto, acordado en 2009 cun investimento de 1,5 millóns de euros, dos cales só se executou unha pequena parte.

O BNG considera prioritaria a mellora e humanización desta área para recuperar un núcleo turístico clave en Poio e afirma que continuará demandando unha partida orzamentaria para completar o proxecto.