O PP de Poio reclama unha marquesiña na zona de Casalvito

Poio
04 de setembro 2020

Presentarán unha moción esixindo ao goberno local a instalación dunha marquesiña para o transporte escolar, así como a mellora da seguridade viaria e o acondicionamento e limpeza da zona

Lugar de Casalvito
Lugar de Casalvito / PP de Poio

O grupo municipal do Partido Popular demanda ao Goberno local do Concello de Poio que dote dunha marquesiña á zona de Casalvito.

Segundo a concelleira do PP, Rocío Cochón está é unha petición que xa fixo o seu partido en numerosas ocasións, do mesmo xeito que os veciños que en novembro do ano pasado levaron a cabo unha acción de protesta na parada de bus "co único obxectivo de que os seus fillos deixen de agardar o bus escolar á intemperie", dixo a edil do PP.

Cochón recordou que hai anos había unha marquesiña que o concello retirou coa promesa de volvela a reinstalar, "e nunca máis se soubo". Desde aquel momento os veciños presentaron "peticións por rexistro, falaron persoalmente con todo o goberno, manifestáronse públicamente", e ademais o grupo municipal do PP trasladou a súa solicitude mediante rogos en comisión e plenos "e ao final todos os anos o mesmo, chega un novo curso escolar e o Concello non fixo nada", lamentou Cochón.

Segundo informou Rocío Cochón aportando datos do propio concello en Poio hai máis de 40 paradas de bus escolar sen elementos de protección, "cuxa colocación é responsabilidade municipal".

O PP anunciou a presentación dunha moción esixindo a colocación da marquesiña así como a mellora da seguridade viaria e o acondicionamento e limpeza da zona.