O PP de Poio reunirase cos colectivos sociais para abordar o reparto dos fondos de Ence

Poio
05 de novembro 2016

Así o comunicou o voceiro Ángel Moldes, que trasladou a "preocupación" dos distintos colectivos pola "ausencia de información" sobre cómo acceder a esta "oportunidade de financiamento" e que o popular achaca á "enorme irresponsabilidade do goberno do BNG, que pon as consignas do seu partido por diante dos intereses dos veciños"

Ángel Moldes, voceiro do grupo provincial do Partido Popular
Ángel Moldes, voceiro do grupo provincial do Partido Popular / Mónica Patxot

Nos próximos días o Partido Popular de Poio concertará reunións cos colectivos veciñais, deportivos e culturais do concello interesados en participar dos fondos que a empresa Ence se comprometeu a repartir entre o colectivos sociais de Pontevedra, Marín e Poio.

Así o comunicou o voceiro Ángel Moldes, que trasladou a "preocupación" dos distintos colectivos pola "ausencia de información" sobre cómo acceder a esta "oportunidade de financiamento" e que o popular achaca á "enorme irresponsabilidade do goberno do BNG, que pon as consignas do seu partido por diante dos intereses dos veciños".

Moldes recordou que en xullo pasado representantes de "máis de 100 colectivos de Poio –confrarías, clubs deportivos, asociacións culturais e veciñais, entre outros- asistiron a un encontro informativo sobre estas axudas".

Para o PP "axudar ós colectivos de Poio a financiarse non está reñido con calquera postura sobre a permanencia da pasteira". Segundo explica Ángel Moldes "o que non ten pés nin cabeza é falar durante anos dunha débeda histórica de Ence e precisamente cando a empresa di que van comezar a pagala entón dicir que non contra o criterio e os intereses dos veciños. É ridículo".

O PP comezará unha rolda de reunións e encontros cos colectivos que operan no municipio para estudar os proxectos que poderán beneficiarse dos tres millóns anuais que repartirá o Pacto Ambiental, recalcando que a primeira remesa de 3 millóns, corresponde a este ano "e quedan apenas oito semanas para que remate".

Arquivado en