O PP de Poio suxire plenos telemáticos para axilizar a aprobación de axudas aos veciños

Poio
06 de abril 2020

O portavoz da oposición, Ángel Moldes, aclara que a súa formación renunciará ás retribucións por asistir a estes actos para que se destinen á compra de material sanitario

Ángel Moldes, exvoceiro do grupo provincial do PP
Ángel Moldes, exvoceiro do grupo provincial do PP / PP provincial

O PP de Poio presentou este luns un escrito no rexistro do Concello para solicitar a celebración telemática de plenos que permitan aprobar de forma urxente axudas aos veciños afectador pola crise do coronavirus.

Aproveitando a modificación da Lei de Bases do Réxime Local, que permite celebrar plenos e comisións cando concorran situacións de forza maior, o portavoz dos populares, Angel Moldes, demanda acollerse a esta nova norma para implementar medidas que só poden aprobarse nos plenos, actos que quedaron suspendidos por decreto da alcaldía despois da declaración do estado de alarma.

Lembran desde a oposición que decisións como a eliminación de impostos deben aprobarse por estes órganos administrativos, polo que "canto antes comecemos, antes poderemos axudar", subliña Moldes.

No seu escrito, os populares comprométense a renunciar ás súas retribucións por asistencia a comisións e plenos que se celebren durante o estado de alarma para que eses fondos estean dispoñibles para a compra de material sanitario.