Os voceiros do PP de Ponte Caldelas, Ricardo Castro e Inés Sánchez, compareceron este xoves en rolda de prensa na sede provincial do partido en Pontevedra, para facer pública a sentenza do contencioso administrativo de Pontevedra que desestima o recurso presentado contra a licenza otorgada ao crematorio.
Segundo trasladaron, "a sentenza deixa claro que as licencias son actos regulados de concesión, estando as administración públicas obrigadas a concedelas cando concurran os requisitos legais para elo".
Para Ricardo Castro con esta sentenza "queda demostrado" que o anterior goberno local tiña a "obriga legal" de outorgar a licenza do crematorio da Reigosa e que polo tanto o actual alcalde, Andrés Díaz, "enganou e mentiu aos veciños cando dicía que se podía parar a licenza e que o PSOE se comprometía a revocala".
O voceiro popular fixo un repaso das declaracións feitas por Andrés Díaz antes das eleccións municipais, nas que "acizañou aos veciños para que denunciaran, pero el nunca se atreveu a implicarse nun proceso xudicial porque sabía perfectamente que estaba mentindo e que o que estaba facendo o alcalde, daquela do PP, Perfecto Rodríguez, era cumprir a lei".
Os populares de Ponte Caldelas aseguran que Andrés Díaz "manipulou aos veciños co único fin de que foran en contra do alcalde e intentar desbancar ao anterior goberno".
Ademáis, Ricardo Castro comentou que "outra das probas de que Andrés Díaz estaba mentindo" cando dicía que a licenza se podía revocar, foi "a súa actitude" unha vez que chegou ao goberno "cambiando o discurso de tal maneira que xa non falaba claramente de irregularidades".
Por todo isto, "mentir deliberadamente aos veciños buscando únicamente a súa rendabilidade política e demostrando que non só é un mentireiro senón tamén un manipulador sen escrúpulos", o PP de Ponte Caldelas pide a dimisión do alcalde.
"Debería caerlle a cara de vergonza por todo o que dixo e fixo e polo engano ao que someteu aos veciños da Reigosa", afirmou.
Finalmente, Ricardo Castro dixo que se o anterior alcalde, Perfecto Rodríguez, se negase a dar esa licenza "o que estaría nos xulgados hoxe sería el, pero por prevaricación", concluíu o voceiro popular.
Inés Sánchez pola súa parte, engadiu ademais que a sentanza aclara que o proxecto "conta con todos os informes medioambientais favorables, demostrando que non se trata de unha actividade contaminante".