O PP de Ponte Caldelas pide un novo contrato para o servizo de recollida de lixo

Ponte Caldelas
11 de febreiro 2021

A oposición esixe ao goberno local acabar coa concesión actual, prorrogada desde o 2017, para renovar o parque móbil e os contedores, ademais de mellorar o servizo

Limpeza dos colectores en Ponte Caldelas
Limpeza dos colectores en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O grupo municipal do Partido Popular de Ponte Caldelas presentará no próximo pleno unha moción coa que reclama a convocatoria dun concurso público para renovar as condicións do servizo de recollida e traslado de residuos. O contrato actual está prorrogado desde o 2017 "sen razón de ser poñendo en risco os intereses dos veciños e veciñas", critican desde a oposición.

Os populares consideran que é urxente poñer en marcha esta nova contratación despois de anunciar o alcalde que a súa intención é ligar o funcionamento do punto limpo ao novo prego de condicións que leva atrasándose máis de tres anos e que condiciona a operatividade deste servizo.

Denuncian desde a oposición que o rexedor responde con "evasivas" ante as reiteradas peticións formuladas polo Partido Popular en plenos anteriores para ecigir unha solución a este asunto.

Argumentan os populares que un novo contrato podería axudar a renovar o envellecido parque móbil e os contedores. 

Nos últimos tempos, os edís do PP alertan de que se están incrementando os volumes de residuos enviados a Sogama, o que supón o aumento do custo do servizo para o Concello. Aseguran os populares que o ano anterior o Concello enviou unhas 2.110 toneladas, un 9,4 % máis que no 2019.