O PP de Pontevedra propón crear un botón do pánico na cidade para alertar en situacións de emerxencia

Pontevedra
31 de outubro 2023

Tamén demanda que se desenvolvan talleres de defensa persoal para muller e percorridos seguros. Silvia Junco, concelleira do PP local, indica que o "alumeado público acentúa a necesidade de crear percorridos seguros en determinadas horas e zonas de Pontevedra"

Comisión de Igualdade do PP local
Comisión de Igualdade do PP local /

O Partido Popular de Pontevedra, a través da comisión de benestar social e igualdade da agrupación que xestiona a concelleira Silvia Junco, reclama ao goberno local a creación dunha serie de medidas para fomentar a seguridade no municipio.

Entre as propostas, os populares demandan un botón do pánico na cidade que permita avisar fronte a unha situación de emerxencia. A este punto suman a creación de percorridos seguros para reducir "a sensación de inseguridade coa que teñen que lidar moitas mulleres" e promover máis obradoiros de defensa persoal coa idea de dispoñer de ferramentas necesarias para protexerse.

Junco advirte da "falta de alumeado público polas noites en rúas e barrios de Pontevedra" e entende que "acentúa a necesidade de crear percorridos seguros para achegar máis seguridade ás mulleres en determinadas horas e zonas da cidade".

A edil popular lembra que o goberno local ignorou en dúas ocasións a petición para que o xefe da Policía Local participe nunha Comisión de Réxime Interior para evaluar as propostas do grupo do PP.

A concelleira mantivo un grupo de traballo, que denomina "think tank", para analizar a creación dese botón do pánico consistente nunha aplicación de xeolocalización para que as persoas en situación de perigo contacten coa Policía Local sen necesidade de chamar telefonicamente.

O encontro serviu para canalizar as suxestións do equipo de traballo posto en marcha o 29 de novembro de 2022 cun taller de defensa persoal gratuíto no Centro Cultural de Lourizán. Os populares queren repetir esta formación noutra parroquia, aproveitando o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25-N).