O PP defenderá no pleno un novo modelo para o Plan Concellos

Pontevedra
06 de setembro 2016

Nidia Arévalo lembrou que o PP non propón unha repartición concreta senón a creación dunha comisión na que estean representados os concellos da provincia "para que sexan eles os que decidan" como e con que criterios se reparten os fondos que a deputación pontevedresa destina aos pequenos e medianos concellos

Luisa Piñeiro, Nidia Arévalo e Belén Cachafeiro na Deputación de Pontevedra
Luisa Piñeiro, Nidia Arévalo e Belén Cachafeiro na Deputación de Pontevedra / PontevedraViva

Un Plan Concellos "real e concreto", no que o goberno provincial "non dubide e non diga unha cousa hoxe e outra mañá". É o que solicitaron no seu día os trinta alcaldes do PP da provincia de Pontevedra, arroupados polos deputados populares e o propio Alfonso Rueda.

Nidia Arévalo lembrou que o PP non propón unha repartición concreta senón a creación dunha comisión na que estean representados os concellos da provincia "para que sexan eles os que decidan" como e con que criterios se reparten os fondos que a deputación pontevedresa destina aos pequenos e medianos concellos.

Pero mes e medio despois de rexistrar un escrito con esta proposta, os populares denuncian que seguen sen resposta a esta proposta. Por iso, decidiron presentar unha moción que de debaterá no próximo pleno provincial "para que a presidenta se molle e diga publicamente que lle parece este modelo".

"Parece que lle dá igual o que lle digan a metade dos alcaldes da provincia, pero lle recordamos que son trinta alcaldes que gañaron as eleccións", sinalou Arévalo sobre os asinantes desta iniciativa. Todos eles estanlle dicindo á presidenta, dixo, "sente con nós porque temos unha proposta que consideramos merece a pena".

Os alcaldes do PP reclaman ademais que o diñeiro do Plan Concellos alcance os 60 millóns de euros, que se recuperen as axudas aos colectivos da provincia, que se retomen proxectos que foron paralizados polo actual goberno ou que o Parque de Maquinaria retome a súa actividade o 100% e se solucionen os problemas nas vías provinciais.

Ante un goberno no que ven "improvisación e falta de iniciativas", os populares reclaman unha maior participación dos alcaldes na xestión provincial, de forma que se aproveite a súa experiencia e o coñecemento de "primeira man" das necesidades da provincia, "algo que non ten este goberno".