O PP demanda actuacións municipais para que as praias de Lérez e de Ponte Sampaio obteñan a bandeira azul

Pontevedra
14 de xuño 2022

Rafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular, presentará unha moción para que se inicien os estudos pertinentes para que os areais do municipio acaden este distintivo. Argumenta que as mostras das augas realizadas pola Consellería de Sanidade clasifican a súa calidade como excelente

Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP
Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP / Mónica Patxot

Rafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular, rexistraba este martes unha moción para que se debata en pleno na que demanda o inicio de estudos e traballos para que Pontevedra aspire a obter bandeiras azuis para as dúas praias do municipio.

O representante do PP argumenta que a Consellería de  Sanidade da Xunta recolle no censo oficial de zonas de baño de Galicia á praia da parroquia de Ponte Sampaio e á praia fluvial do Lérez cunha clasificación sanitaria da auga de "excelente" en ambos os casos.

Domínguez afirma que "respectar, coidar e protexer as nosas zonas verdes, así como as nosas praias, debe ser un dos eixos centrais de traballo deste Concello". Por este motivo considera que é "unha materia pendente" que as praias do municipio sexan recoñecidas por Adeac, un organismo "independente e valorado a nivel internacional como son as bandeiras azuis", asegurando que é un símbolo para millóns de usuarios de praias e portos en preto de medio centenar de países. "Trátase dun estándar mundial de ecocalidade turística", asegura o portavoz popular.

Na súa exposición pon como exemplo a outros municipios como Sanxenxo, Bueu, Poio, Marín e Ponte Caldelas. "Cremos que é de xustiza que Pontevedra obteña esta certificación para os seus areais. No país do mundo con máis bandeiras azuis, a nosa cidade non pode permitirse non ter ningunha", sinala Rafa Domínguez que pide ao goberno municipal que continúe mellorando de maneira permanente a calidade da auga destes dous areais.

Esta moción preséntase despois de que o goberno local anunciara o seu rexeitamento da bandeira azul para a praia fluvial do Lérez. Iván Puentes, concelleiro responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, explicaba esta decisión alegando que o sistema de Adeac "choca cos principios de preservación da natureza salvaxe".