O PP denuncia o reparto "a medida" do plan de reequilibrio da Deputación e pide a súa paralización

Pontevedra
23 de novembro 2017
Actualizado: 12:53

Os populares salientaron que desde o principio "dixemos que era un plan que se aprobou de forma encuberta, porque o obxectivo final da presidenta era contentar a todos os alcaldes socialistas que agora teñen que votar no congreso provincial"

Salomé Peña e Ángel Moldes
Salomé Peña e Ángel Moldes / PontevedraViva

Os deputados provinciais do Partido Popular, Ángel Moldes e Salomé Peña, denunciaron  a "cacicada" do reparto "a medida" das subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singurales e pediron a paralización do chamado plan de reequilibrio.

Os populares salientaron que desde o principio "dixemos que era un plan que se aprobou de forma encuberta, porque o obxectivo final da presidenta era contentar a todos os alcaldes socialistas que agora teñen que votar no congreso provincial".

Así, entenden que as cifras "son evidentes", xa que dos 15 millóns de euros que se repartiron a través deste plan, 8,8 millons de euros, é dicir, o 60% do plan "se repartiu entre concellos gobernados polo Partido Socialista".

Destacan que dos 12 proxectos presentados por alcaldes socialistas, só un foi rexeitado. Pola contra, só 10 dos 22 concellos gobernados polo PP que presentaron proxecto obtiveron a subvención. Estes concellos recibiron 3,5 millóns de euros, o 23% do plan.

Ademais, os populares tamén chamaron a atención sobre os motivos das exclusións, xa que rexeitaron proxectos en base a uns criterios que si aceptaron para outros. É máis, sinalaron que hai alcaldes dispostos a levar todo este plan ao xulgado e outros que están esperando a ter acceso á documentación para valoralo.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, rexeitou as acusacións do PP e lembrou a Moldes e Peña que o seu partido votou a favor das bases que regulan estas subvencións e que logo as aplicaron funcionarios que, en todos os casos, xa traballaban na institución co goberno anterior 'popular'.

Mosquera entende que os alcaldes de concellos que presentaron proxectos rexeitados "estean cabreados", pero non as críticas do PP, un partido do que sostén que segue a liña política de "criticar por criticar". Lembra, así mesmo, que os proxectos que quedaron fóra non se adaptaban ás bases e, de feito, nin sequera se esgotou o orzamento do plan, senón que só se aprobaron proxectos por 15 dos 18 millóns previstos.