O PP denuncia que Lores pagou unha cea a empresarios chineses en Combarro

Pontevedra
05 de abril 2017

Trátase dunha cea que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceu a touroperadores chineses durante a visita que realizaron á cidade de Pontevedra o pasado mes de novembro. Os populares non critican, nesta ocasión, o gasto en si da cea, que ascendeu a case 800 euros. O que lamentan é que se organizara nun restaurante de Combarro e non en Pontevedra

Jacobo Moreira e Miguel Anxo Fernández Lores, antes de comezar o pleno
Jacobo Moreira e Miguel Anxo Fernández Lores, antes de comezar o pleno / Mónica Patxot

Unha nova factura relacionada coa proxección da cidade saíu á luz pública tras unha denuncia realizada polo Partido Popular. Neste caso, trátase dunha cea que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceu a touroperadores chineses durante a visita que realizaron á cidade de Pontevedra o pasado mes de novembro.

Os populares non critican, nesta ocasión, o gasto en si da cea, que ascendeu a case 800 euros. O que lamentan é que se organizara nun restaurante de Combarro e non en Pontevedra.

"Lores gasta os cartos de todos os veciños de Pontevedra para promocionar o Concello de Poio", aseguran o PP nun comunicado. "O noso alcalde é tan espléndido que agora tamén se fai cargo do sector turístico dos municipios limítrofes".

A formación conservadora pregunta que pensarán os hostaleiros da cidade polo feito de que o alcalde "preferira" pagar esta cea en Combarro e non acudir a un establecemento de Pontevedra.

Para os populares, "está é sen dúbida unha proba máis da falta de respecto do alcalde cara os seus veciños pois neste caso xa non é a cantidade, senón a forma de proceder". Entenden que gastar os cartos dos veciños para promocionar outras vilas "é toda unha burla para os pontevedreses".