O PP esixe á Deputación que retome o proxecto para ensanchar e mellorar a estrada Xesteira-Almofrei

Cerdedo Cotobade
15 de decembro 2015

Está pendente de adxudicar, despois de que o anterior Goberno o sacase a concurso o día 8 de xuño por importe de 508.000 euros. O voceiro Ángel Moldes di que se non se adxudican xa, hai un risco evidente de que estas actuacións non se incorporen no vindeiro exercicio e, polo tanto, quedarían aprazadas definitivamente

Angel Moldes e Jorge Cubela
Angel Moldes e Jorge Cubela / PP provincial

O grupo provincial do Partido Popular esixirá no próximo pleno da Deputación de Pontevedra que retomen o proxecto de mellora e ensanche da EP-0405 Xesteira-Almofrei, en Cotobade, proxecto que, segundo denunciaron "o anterior goberno do Partido Popular deixou en proceso de adxudicación e que agora está paralizado".

En rolda de prensa o voceiro do grupo provincial do PP, Ángel Moldes, e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, explicaron que xa pasaron oito meses desde a aprobación definitiva do proxecto e seis desde a toma de posesión do actual bipartito e esta obra "urxente" continúa sen adxudicarse e sen executarse.

O alcalde subliñou que "é un dos proxectos máis importantes para Cotobade, unha demanda histórica do concello e petición feita polos veciños ao longo de moitos anos. E este goberno, ás primeiras de cambio, mete nun caixón e paraliza un proxecto que foi aprobado por unanimidade nun pleno provincial". Asemade, acusou aos socialistas de Cotobade de manter un "silencio cómplice" co goberno da Deputación.

Insistiu en que "non hai ningunha escusa" para explicar por que non se adxudica esta obra, "xa que o único que terían que facer é abrir as plicas e adxudicar a obra entre as 20 empresas que se presentaron ao concurso e que a día de hoxe tampouco saben nada".

Nesta liña, Moldes incidiu en que se non se adxudican xa, hai un risco evidente de que estas actuacións non se incorporen no vindeiro exercicio e, polo tanto, quedarían aprazadas definitivamente "a pesar de haber uns compromisos adquiridos pola institución provincial e de ter unha partida reservada para estas obras".

O voceiro sinalou que lles sorprende que viaxen a outros países para falar de seguridade vial "e que digan que é o obxectivo prioritario deste goberno e que despois paralicen esta obra", que supón unha importante mellora na seguridade vial. "Quenes realmente perden son os veciños de Cotobade", engadiu.

O proxecto de ensanche e ampliación ascende a 508.000 euros, e sacouse a concurso o pasado 8 de xuño cun prazo de execución de 6 meses. Ademais, o proxecto reservaba unha contía superior a 50.000 euros para a expropiación das fincas e os terreos afectados que non fosen achegados voluntariamente polos veciños, cantidade que xa foi abonada con anterioridade á propia convocatoria do concurso.