O PP fixa para o 9 de xullo o seu congreso para elixir novo presidente provincial

Pontevedra
08 de xuño 2022

Desde o xoves 16 e ata o luns 20 de xuño, os afiliados que desexen optar á presidencia do Partido Popular provincial poden presentar a súa candidatura, que terá que ir acompañada de 75 apoios

Xunta directiva provincial do PP
Xunta directiva provincial do PP / Mónica Patxot

O Partido Popular de Pontevedra celebrará o próximo 9 de xullo o seu congreso para escoller ao substituto de Alfonso Rueda como presidente provincial da formación.

Así o decidiu este mércores a xunta directiva provincial da formación, nunha reunión que contou coa participación do recentemente nomeado presidente da Xunta de Galicia así como do secretario xeral do PP provincial, Luís López.

Será o 19 congreso do PP de Pontevedra, que contará coa participación de 690 compromisarios, dos que 552 son electos e 138 son natos, entre os que se inclúen os membros da xunta directiva provincial e os integrantes da comisión organizadora do congreso.

Desde o xoves 16 e ata o luns 20 de xuño, os afiliados que desexen optar á presidencia do partido poden presentar a súa candidatura, que terá que ir acompañada de 75 apoios. Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidatos, abrirase unha campaña interna de oito días, entre o 22 e o 29 de xuño. 

Ademais, os afiliados que queiran inscribirse como participantes no proceso electoral e como compromisarios poden facelo ata o 23 de xuño.