O PP galego celebrará o 21 e 22 de maio en Pontevedra o congreso da sucesión

Pontevedra
18 de abril 2022

O Congreso será no Recinto Feiral e está previsto que sexa Alfonso Rueda, actual vicepresidente primeiro da Xunta e presidente provincial do PP en Pontevedra, o que suceda a Feijóo no poder orgánico dos populares galegos, despois de recibir o apoio expreso do resto de baróns provinciais.

Alberto Núñez Feijóo, presidente do Partido Popular
Alberto Núñez Feijóo, presidente do Partido Popular / PP de Galicia

O Partido Popular de Galicia celebrará en Pontevedra o Congreso rexional extraordinario os días 21 e 22 de maio para designar ao sucesor de Alberto Núñez Feijóo na presidencia da formación. Así o acordou por unanimidade este luns a Xunta directiva do PPdeG.

O Congreso será no Recinto Feiral e está previsto que sexa Alfonso Rueda, actual vicepresidente primeiro da Xunta e presidente provincial do PP en Pontevedra, o que suceda a Feijóo no poder orgánico dos populares galegos, despois de recibir o apoio expreso do resto de baróns provinciais.

No seu discurso ante a Xunta Directiva Rexional, Alberto Núñez Feijóo, que deixou o seu cargo o pasado 1 de abril para pasar a liderar o partido a nivel estatal, recoñeceu que "no habría dado este paso si no supiese que en Galicia hay un partido preparado" e engadiu que "no habría dado este paso sin un partido unido, sin un partido capaz".

O que será o 18 congreso do PPdeG, "el de la mayoría de edad", celebrarase na mesma fin de semana que está previsto o conclave do PP de Madrid que supoñerá a elección de Isabel Díaz Ayuso como presidenta.

A Comisión Organizadora do Congreso estará presidida por Elena Candia e contará con Lucía Calvo como vicepresidenta, con Alberto Fuentes como secretario e cos vogais Carmen Seijas, Pablo Pérez, Sagrario Sánchez, Katy Varela, Ana Villarino e Evaristo Ben. Alberto Pazos, Juan Jácome, Emilio Romay, Julio Platero, José Luis Fernández e Luis Vergara forman parte do persoal técnico.

A partir deste momento, o cronograma a aplicar será o seguinte: os afiliados teñen un prazo de 15 días para inscribirse e poder participar no proceso electoral -remata o 3 de maio-. Xa ás 20:00 horas do 28 de abril acaba o tempo para que calquera afiliado  poida presentar a súa precandidatura á Presidencia do PPdeG -con 90 firmas de afiliados-. 

A campaña empezará oficialmente o día 30 de abril, durará 10 días e finalizará o 9 de maio. O martes 10 de maio celebraranse as asembleas nas que haberá dúas urnas, unha para votar ao candidato a presidente do PPdeG e outra para elixir aos compromisarios. Cómpre sinalar que estes últimos están repartidos cun dobre criterio: afiliación e representación electoral.

A asignación é a seguinte: A Coruña terá 358 compromisarios, Lugo 204 compromisarios, Ourense 309 compromisarios e Pontevedra 394 compromisarios. Ademais, hai outros 215 compromisarios natos correspondentes aos membros da Xunta Directiva, 10 da Comisión Organizadora do Congreso e outros 10 máis procedentes dos representantes do partido na Emigración. 

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado asegurou que coa renuncia de Alberto Núñez Feijóo como presidente do PPdeG "péchase unha das etapas de maior prosperidade da historia da Comunidade" e afirmou que "somos líderes en Sanidade, en políticas sociais, en Educación, en baixadas de impostos e pago da débeda, e superamos unha crise económica e outra sanitaria con mellores resultados que o resto de España".

Tras resaltar a gran ilusión que supón o inicio da nova etapa do Partido Popular con Feijóo como líder nacional, Tellado aclarou que non se perde un presidente Galicia senón que se gañan dous: "Un na Xunta e outro no Goberno de España".