O PP gaña as eleccións europeas, o PSOE resiste e o BNG recupera o escano de seu

Pontevedra
10 de xuño 2024

As eleccións europeas concluíron cunha clara vitoria do Partido Popular, pero máis estreita do que auguraban as enquisas previas. O PSOE de Pedro Sánchez logrou resistir ante o pau dos seus socios e o auxe da extrema dereita. O BNG, pola súa banda, recupera o seu escano propio en Bruxelas 25 anos despois

Alberto Núñez Feijóo celebra a vitoria do PP nas eleccións europeas
Alberto Núñez Feijóo celebra a vitoria do PP nas eleccións europeas / EFE / Juanjo Martín

As eleccións europeas celebradas este domingo concluíron cunha clara vitoria do Partido Popular, pero máis estreita do que auguraban as enquisas previas.

O PSOE de Pedro Sánchez logrou resistir ante o pau dos seus socios e o auxe da extrema dereita. O BNG, pola súa banda, recupera o seu escano propio en Bruxelas 25 anos despois.

Os populares lograron o 34,20% dos votos (5.963.074) e 22 escanos no Parlamento Europeo, nove máis dos que tiña ata o de agora, ao absorber o espazo político de Cidadáns.

Son dous eurodeputados máis que os socialistas, que obtiveron o 30,18% dos sufraxios (5.261.293) e tan só perden un escano con respecto ás eleccións de fai cinco anos.

En terceiro lugar sitúase Vox, co 9,62% (1.678.218) e seis escanos, dous máis que en 2019; mentres que Sumar queda con tres asentos e o 4,65% por cento dos votos (811.545), un eurodeputado máis que Podemos, que logra o 3,28% (571.902).

Por diante da esquerda rupturista quedou a coalición Agora Repúblicas, na que concorría o BNG xunto a ERC, Bildu e Ara Més, que chegou ao 4,91% dos votos (856.500) e logra tres escanos. Os nacionalistas galegos logran así escano propio.

Como sexta forza política nacional sitúase a agrupación de electores Se Acabó la Fiesta, do axitador ultra Luis ‘Alvise’ Pérez, que practicamente iguala a porcentaxe de voto de Sumar, cun 4,59% e obtén tres representantes na Eurocámara.

Os outros dous escanos restantes repártenos Junts, que queda no 2,54% dos sufraxios (443.275) e perde dous dos tres eurodeputados que tiñan; e a coalición Ceus, na que concorrían o PNV e Coalición Canaria, co 1,61% dos votos (281.064).

TRIUNFO CLARO DO PP EN GALICIA

En Galicia, pola súa banda, o PP incrementa o seu resultado de 2019 en case 14 puntos e logrou conseguir o 43,62% dos votos (486.386), 16 puntos máis que o PSOE, que cae á segunda praza, tras gañar as eleccións fai cinco anos, cun 27,01% (301.213).

O BNG aumenta os seus apoios ata o 16,13% (179.905), catro puntos máis que nos últimos comicios europeos, e a cuarta praza é para Vox, que cun 4,32% (48.223) sobe case dous puntos.

Sumar, cun 2,07% (23.159); Se Acabó la Fiesta, cun 2,03% (22.655); e Podemos, cun 1,96% (21.864), logran resultados moi similares na comunidade galega.