O PP insta á creación dunha comisión de investigación sobre Cespa e Aquagest

Pontevedra
11 de xaneiro 2016

Os populares presentan unha moción para a constitución desta investigación co fin de lograr esclarecer “as vicisitudes na execución dos dous principais contratos con empresas privadas”. Jacobo Moreira apela á presunción de inocencia pero considera necesaria unha investigación interna

Jacobo Moreira, candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra
Jacobo Moreira, candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra / Cristina Saiz

O grupo municipal do Partido Popular vén de presentar unha moción co fin de lograr a creación dunha comisión de investigación que permita esclarecer "as vicisitudes na execución e desenvolvemento dos dous principais contratos de servizos que mantén o Concello de Pontevedra con empresas privadas": o contrato de recollida de residuos sólidos con Cespa e o contrato de subministro da auga con Aquagest-Viaqua.

Esta medida xa fora anunciada polo portavoz popular, Jacobo Moreira, o pasado mes de outubro.

Os populares "somos prudentes, cremos na presunción de inocencia, pero ante a existencia dun informe policial, incorporado aos autos da Operación Patos e os rexistros realizados neste Concello en relación á Operación Pokemon, faise necesaria unha investigación interna", sinalou este luns Jacobo Moreira.

Neste senso, segundo o PP, a investigación que se leve a cabo debe basearse en tres premisas. Por unha banda, o alcalde e os outros membros do goberno local cuxos nomes aparezan reflectidos no informe policial non participarán na investigación; pola contra, si participarán todos os membros da corporación municipal actual, e ademais esta investigación interna será totalmente transparente.