O PP insta ao Concello a que arranxe os cemiterios e que aprobe un plan que garanta a súa conservación

Pontevedra
16 de outubro 2021

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra,  Pepa Pardo, defenderá no Pleno municipal deste luns unha proposición para instar ao Concello a que arranxe e acondicione os cinco cemiterios municipais: San Mauro, Pontesampaio, Lourizán, Campañó e  Bora. Tal e como explicou, "o estado da maior parte deles é lamentable. A imaxe de sucidade e abandono que transmiten é inadmisible"  

Danos no cemiterio
Danos no cemiterio

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra,  Pepa Pardo, defenderá no Pleno municipal deste luns unha proposición para instar ao Concello a que arranxe e acondicione os cinco cemiterios municipais: San Mauro, Pontesampaio, Lourizán, Campañó e  Bora. Tal e como explicou, "o estado da maior parte deles é lamentable. A imaxe de sucidade e abandono que transmiten é inadmisible".

Entre as medidas que solicita atópanse o asfaltado dos accesos ao Cemiterio de San Mauro pola Rúa do Campo Santo, así como no interior do mesmo na parte da Capela de San Mamede; o arranxo de sumidoiros; a adecuación das rúas, coa súa correspondente roza, control da maleza e arranxo do firme, cubrindo as fochas existentes; o arranxo e mantemento das zonas axardinadas, fontes e mobiliario urbano coa súa correspondente reposición nos casos necesarios; sinalizar no Cemiterio de San Mauro a localización das tumbas dos personaxes relevantes da historia de Pontevedra; instalar unha adecuada sinalización das diferentes rúas dos cemiterios; adaptar e acondicionar os cuartos de baños nos cemiterios onde os haxa, "en concreto o do cemiterio de San Mauro en pésimas condicións e non accesible".

"A imaxe que transmiten os nosos cemiterios de deixamento, falta de mantemento e conservación, non é a máis desexable para Pontevedra nin para os pontevedreses", declarou a concelleira popular, que advirte ademais do "pésimo estado de conservación dalgúns".

Segundo Pardo, "están sucios, cheos de maleza, con contedores rotos e atestados de lixo, con rúas intransitables nalgúns casos e noutros con verdín ou fochas que impiden unha adecuada circulación, con sumidoiros ateigados de auga... A todo iso súmase a insuficiencia de recursos humanos".

Finalmente, a popular destacou que, "mentres no resto das cidades fan dos seus cemiterios auténticos museos de arte, nós deixamos no esquecemento aos nosos, cando temos unha marabilla arquitectónica como é o cemiterio municipal de San Mauro que data de 1879 e goza dunha gran riqueza arquitectónica. Non podemos consentir que os nosos cemiterios caian no esquecemento".