O PP invita o BNG a negociar os orzamentos coa condición de baixar os impostos

Pontevedra
19 de outubro 2016

Jacobo Moreira, portavoz do grupo municipal do Partido Popular, establece tres liñas vermellas para abrir unha negociación: a rebaixa de impostos, a devolución dos cartos do saneamento cobrado irregularmente no rural e a elaboración dun orzamento participativo

Jacobo Moreira, portavoz do grupo municipal do PP, acompañado por Rafael Domínguez e César Abal
Jacobo Moreira, portavoz do grupo municipal do PP, acompañado por Rafael Domínguez e César Abal

Jacobo Moreira, portavoz do grupo municipal do Partido Popular, realizou este mércores 19 unha proposta para que o goberno local negocie os orzamento de 2017. O representante dos populares sinalou que é necesario que se elaboren uns orzamentos realistas e que se cumpran.

Moreira afirma que o último orzamento foi un "curta e pega" do anterior, para despois acometer modificacións pola porta de atrás.

O grupo municipal popular establece tres condiciones para iniciar as negociacións. O primeiro punto é a rebaixa dos impostos e das taxas. Os populares afirman que os concellos galegos ingresan agora 200 millóns de euros máis que desde que comezou á crise e pregúntanse onde están os 6,8 millóns de euros extra  que, desde o ano 2008, ten o Concello de Pontevedra. Segundo apuntan, ese diñeiro destinouse a gastos correntes.

En segundo lugar, Jacobo Moreira reclama a devolución do diñeiro recadado irregularmente, segundo o PP, aos veciños do rural con motivo da instalación da rede de sumidoiros. Piden que a devolución sexa con carácter retroactivo e con intereses. Ademais de solicitar unha redución dos 100 metros establecidos actualmente para a conexión á rede de saneamento.

Ademais, os populares queren que os orzamentos sexan participativos e afirma que é necesario que se reduza a débeda municipal pero con planificación. Acusa ao BNG de lograr o último superávit orzamentario por unha modificación de crédito de dous millóns de euros que foi aprobada a mediados de ano sen que despois o goberno local fose capaz de gastar.