O PP lamenta que a Deputación non lles facilite o informe completo do estado das emerxencias na provincia

Pontevedra
03 de xullo 2018

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, critica que a xunta de voceiros que mantiveron este martes na Deputación de Pontevedra para coñecer a diagnose do estado das emerxencias na provincia feita pola administración provincial "foi un postureo absoluto, unha xuntanza de mero trámite á que lle faltou todo o contido"

Parque de Bombeiros do Morrazo
Parque de Bombeiros do Morrazo / Deputación Provincial

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, critica que a xunta de voceiros que mantiveron este martes na Deputación de Pontevedra para coñecer a diagnose do estado das emerxencias na provincia feita pola administración provincial "foi un postureo absoluto, unha xuntanza de mero trámite á que lle faltou todo o contido".

Moldes reprochou que se lles convocara "para explicarnos o que xa saben os medios desde hai unha semana" e que non lles ofreceran "nada máis" a pesar de que solicitaron en varias ocasións ter o informe completo "ou, se non queren facilitar unha copia, poder consultala na xunta de voceiros".

Moldes tamén critica que non queiran dicir "quen son os seus autores", algo que o PP entende como "fundamental non só para avalar a súa imparcialidade, senón tamén para facernos unha idea do coñecemento que ten da provincia e das emerxencias".

Polo tanto, o popular insiste en que "esta reunión non aportou nada novo ao que xa coñeciamos a través dos medios. Estamos exactamente igual, coa mesma información, que antes da xunta de voceiros".

Na reunión o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, informou que a Xunta remitiu hai uns días unha carta ao Concello de Pontevedra para coñecer que disposición hai para a comarcalización do seu parque municipal.