O PP lamenta que continúe sen haber urinarios durante as celebracións das "peñas"

Pontevedra
07 de agosto 2017

Os populares critican que o BNG de Lores volva facer oídos xordos ao acordo plenario acadado en xuño de 2016 onde se reclamaban urinarios e un reforzo de colectores de lixo

Noite de peñas na avenida de Santa María
Noite de peñas na avenida de Santa María / Cristina Saiz

O grupo municipal do Partido Popular critica que o goberno de Fernández Lores siga sen cumprir o acordo plenario de xuño de 2016 no que se aprobou a emenda do PP para instalar urinarios públicos en puntos estratéxicos da cidade durante as xornadas de "peñas". Ademais reclamábase a instalación de colectores de lixo naquelas zonas nas que se concentran un maior número de persoas durante estas celebracións.

Os populares lamentan que se volva a incumprir porque durante esta fin de semana non se instalaron estes dispositivos, unha medida que segundo o portavoz dos populares, Jacobo Moreira, evitarían moitas das situacións que veñen denunciando moitos veciños de Pontevedra.

Desde o PP reclámase esta instalación como se fai noutras cidades cando se prevén grandes concentracións de xente ou como o goberno local fai durante a celebración da Feira Franca. "Resulta curioso que Lores e o BNG permitan beber alcol nas rúas e prazas da cidade con plena liberdade, pero pola contra non extreman o celo na limpeza e coidado", sinala Jacobo Moreira.

Afirman que con esta medida evitaríase a mala imaxe que ofrece a cidade tanto para veciños como para turistas.