O PP mantén un encontro con colectivos de axuda social e demanda ao goberno local máis investimento nesta área

Pontevedra
10 de febreiro 2021

Silvia Junco, concelleira do PP e responsable de Benestar Social na agrupación e o presidente local dos populares Rafa Domínguez mantiveron un encontro este mércores con representantes das asociacións Asem e Boa Vida para analizar as súas necesidades incrementadas con motivo da pandemia

Xuntanza de Rafa Domínguez e Silvia Junco con representantes da Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares e a Asociación Boa Vida
Xuntanza de Rafa Domínguez e Silvia Junco con representantes da Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares e a Asociación Boa Vida / Mónica Patxot

O Partido Popular continúa mantendo reunións de maneira periódica con diferentes colectivos sociais. Nesta ocasión, Silvia Junco, concelleira popular e responsable de Benestar Social na agrupación, acompañada polo presidente local Rafa Domínguez mantiñan un encontro con representantes da Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares (ASEM) e a Asociación Boa Vida Inclusión Activa.

A intención do encontro mantido este mércores é a de tomar o pulso á situación na que se atopan estes colectivos de axuda social debido á situación de crise provocada pola pandemia.

Durante a reunión, Silvia Junco lembrou que o PP presentou un Plan de Compromiso Social para destinar o 10% do orzamento municipal durante este 2021 en gasto social. Lembrou que o goberno bipartito non apoiou esta proposta e segue destinando un 4,5% a este ámbito.

Junco reclama máis apoio a estas asociacións e demanda a concesión de axudas a colectivos que desenvolvan programas e actividades de utilidade pública ou interese social. 

Os representantes populares consideran básico reforzar a persoal da área de Servizos Sociais, crear unha rede de voluntariado e duplicar a axuda de emerxencia social, entre outras medidas, para ofrecer solucións ante a crise.