O PP négase a entregar a avaliación interna sobre a situación económica da Deputación e o PSOE conclúe que "non existe"

Pontevedra
12 de novembro 2023

O PSdeG-PSOE da Deputación considera necesarias unhas desculpas públicas de Luis López, que "perdeu pé no seu papel institucional e utilizou aos medios de comunicación para espallar bulos, comportándose así como un hooligan partidista"

Deputados do PSOE no Pleno provincial da Deputación de Pontevedra
Deputados do PSOE no Pleno provincial da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O grupo provincial do PSOE na Deputación de Pontevedra chegou á conclusión de que o informe de avaliación interna que o pasado mes de setembro o presidente provincial, Luis López, utilizou para criticar a xestión económica do goberno anterior "non existe". 

O voceiro do grupo socialista e anterior deputado de Economía, Carlos Font, explicou este domingo que o goberno provincial do PP négase a entregar ese informe

Os socialistas solicitáronlle por escrito o documento e tiveron que responderllo en cumprimento do Regulamento orgánico da Deputación. Déronlle unha resposta de "dúas liñas" na que, segundo o PSOE, négase a entregar o suposto informe de avaliación económica e argumenta que, en todo caso, trataríase dun "documento de traballo interno".

Luis López afirmou en setembro, en base a ese informe, que o PP herdaba unha Deputación cunha situación económica "precaria e inestable", asegurando que durante os oito anos do bipartito PSOE-BNG houbo "unha xestión descontrolada", que "non hai cartos nos caixóns" e que comparecía para dar conta "con transparencia do estado real das contas".

Á vista de que non lle facilitan o informe, e convencido de que "non existe", Font ve unha "escalada antidemocrática" da Deputación do PP en tan só tres meses e considera que "dá vergoña allea".

O PSdeG-PSOE da Deputación considera necesarias unhas desculpas públicas dun presidente da Deputación que "perdeu pé no seu papel institucional e utilizou aos medios de comunicación para espallar bulos, comportándose así como un hooligan partidista".

O grupo socialista dá por pechado este "desafortunado" capítulo, no que lembra que "as mentiras de López xa quedaron ao descuberto cando o PSOE exhibiu a acta de arqueo do traspaso de poderes", datada o pasado mes de xuño. "Ese documento si que é público e transparente", insisten.