A sentenza que declara como despedimento improcedente a destitución de Pilar Portela á fronte da xerencia do Pazo da Cultura provocou que o Partido Popular reclame a dimisión de Carmen Fouces, a concelleira responsable de Persoal e de Cultura no Concello de Pontevedra.
Este venres, Pepa Pardo, pedía o cesamento inmediato da concelleira polas alegacións efectuadas durante as últimas horas nas que, segundo os populares, derivaba responsabilidades nos técnicos municipais. "Son declaracións desafortunadas" afirmou a concelleira popular mostrando o seu apoio tanto á traballadora despedida como ao resto de traballadores municipais.
Neste sentido, demanda de Carmen Fouces a petición de desculpas aos técnicos municipais afirmando que "a covardía non é compatible coa defensa dos dereitos dos traballadores".
Desde o PP consideran que "non é sostible" que a concelleira continúe levando as competencias en materia de persoal ante esta sentenza. Lembra que o veredicto obriga a indemnizar con case 130 mil euros a Pilar Portela ao considerarse o seu despedimento como improcedente e sinala que non se pode penalizar á cidadanía con "un gasto innecesario de diñeiro público".
A popular criticou unha actuación dun goberno que se " autodenomina progresista e defensor dos dereitos dos traballadores. Isto é unha vergoña, unha indignidade e unha inmoralidade" afirmando que polo capricho persoal dunha concelleira quéirase despedir a unha traballadora que se reincorporaba tras unha baixa laboral, en plena pandemia e nun momento de crise económica.
Pepa Pardo lembra que se subrogou a todo o persoal do Pazo da Cultura por parte do Concello, tras a disolución do organismo autónomo, agás á xerente. "Ao BNG de Lores non lle importan os traballadores nin os pontevedreses" afirmou a representante do PP sinalando que o seu partido continuará sacando á luz toda a práctica de contratacións irregulares por parte da formación nacionalista no Concello ao entender que se trata dunha "práctica caciquil".
Desde o Partido Popular, manifestou Pardo, apoian o comunicado de todos os sindicatos con representación no Concello de Pontevedra (CIG, CSIF, UXT, CCOO, AFUMPO e SPPME) no que reclamaban ao goberno local que non se recorra a sentenza e readmitan a Pilar Portela en lugar de levar a cabo unha indemnización ao entender que suporía unha penalización á cidadanía de Pontevedra dun "gasto innecesario de diñeiro público".