O PP pide ao Concello "escoitar máis e impoñer menos" e insiste na necesidade dunha proba de tráfico en Barcelos

Pontevedra
19 de marzo 2016

Os populares lamentan que o goberno local "sexa incapaz de promover unha simple proba que permita determinar se os cambios serían factible" na contorna de Barcelos

César Abal e Jacobo Moreira, en rolda de prensa no Concello
César Abal e Jacobo Moreira, en rolda de prensa no Concello /

O portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Jacobo Moreira, solicitou este sábado ao goberno local mediante un comunicado que "escoite e respecte a todos os veciños" con respecto á reforma da praza de Barcelos.

Moreira insiste na necesidade de realizar "unha simple proba que permita determinar se os cambios serían factibles ou non para o tráfico rodado" antes de proceder coa reforma.

Asegura que "en ningún momento houbo oposición" por parte dos veciños, senón que lle piden simplemente ao Concello "consenso e diálogo".

"Chega un momento que as escusas que veñen empregando os nacionalistas non son suficientes e deberían optar por escoitar máis e impoñer menos", sinala o dirixente popular ante unha maneira de proceder que define como "imposición por decreto". 

As restricións de tráfico en Barcelos pola súa reordenación comezarán o vindeiro martes 22 de marzo.