O PP pide ao goberno municipal unha maior transparencia na tramitación do orzamento

Pontevedra
12 de novembro 2014

César Abal solicita que se faga público este borrador de presupostos, aínda non negociado co PSdeG-PSOE, para permitir que asociacións e colectivos poidan facer as suxestións que consideren oportunas

Os concelleiros Jacobo Moreira e César Abal
Os concelleiros Jacobo Moreira e César Abal / Mónica Patxot

O anuncio realizado o luns por Raimundo González sobre o estado de tramitación do presuposto para 2015 levou o Partido Popular a pedirlle ao goberno municipal unha maior transparencia en todo este proceso. César Abal solicita que se faga público este borrador de presupostos, aínda non negociado co PSdeG-PSOE, para permitir que asociacións e colectivos poidan facer as suxestións que consideren oportunas.

O concelleiro popular asegura que deben deixarse atrás "viejas políticas" e tramitar o presuposto municipal sen "opacidad". Ademais, esperan que se lles entregue o documento con tempo abondo para estudalo e presentar as correspondentes emendas, "y no como el año pasado que nos lo dieron solo 48 horas antes de aprobarse", cumprindo así o prazo mínimo legal.

Este asunto foi tratado na comisión de Economía e Facenda na que se deu conta do informe do pagamento a provedores no Concello de Pontevedra, cuxo prazo de demora se reduciu a 16,76 días de media no terceiro trimestre do ano.

Ademais, BNG e PSdeG-PSOE votaron en contra da proposta presentada "sen ningún tipo de informe que a avale", segundo Anxos Riveiro, para que se reducisen as taxas e impostos municipais. Entende o PP que a presión fiscal de Pontevedra está moi por enriba da do resto de concellos da provincia.

Neste sentido, o Concello de Pontevedra xa anunciou que todas as taxas e impostos municipais quedarán conxeladas de cara ao próximo ano 2015.