O PP pide contratar un estudo independente sobre o tráfico e o aparcamento en Pontevedra

Pontevedra
22 de novembro 2019

Rafa Domínguez anuncia unha moción para solicitar que se encargue un estudo a unha empresa independente para realizar un "diagnóstico" dos que considera dous dos principais problemas da cidade nestes momentos, o tráfico e a falta de aparcamento, e formular unha "batería de propostas para mellorar" a situación

Pablo Fernández e Rafa Domínguez
Pablo Fernández e Rafa Domínguez / PP de Ponteveda

O PP de Pontevedra presentará no próximo pleno ordinario da Corporación municipal unha moción para solicitar que o Concello encargue un estudo a unha empresa independente para realizar un "diagnóstico" dos que considera dous dos principais problemas da cidade nestes momentos, o tráfico e a falta de aparcamento. 

O estudo, que insiste que debe ser integral e independente, debería servir, segundo o PP, para retratar o panorama actual, pero tamén para formular unha "batería de propostas para mellorar" a situación en ambos os sentidos. 

O portavoz do PP local, Rafa Domínguez, e o concelleiro Pablo Fernández presentaron este venres en rolda de prensa a moción, que se presentará no próximo pleno que non sexa de orzamentos e cuxa oportunidade xustifica a raíz do acordo entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra para poñer en marcha dúas liñas de transporte público no municipio

Segundo as súas explicacións, "é o momento" de abordar a que, na súa opinión, debe ser a "terceira pata da mesa" na xestión do tráfico, o transporte privado. As outras dúas patas serían o transporte público urbano e o transporte metropolitano. 

Domínguez insiste en que se contrate ese estudo a unha empresa independente, para o que suxire que se convoque un concurso público, e tamén quere deixar claro que a súa proposta non pretende atacar o modelo de cidade, senón identificar os puntos conflitivos e buscarlle solucións. 

"Pontevedra é unha cidade marabillosa e quero que se entenda esta moción non en contra do modelo de cidade", destacou o portavoz do PP, que insiste en que quere "unha Pontevedra con adecuados fluxos circulatorios" e que permita aos seus cidadáns contar cun maior número de lugares de aparcamento. 

Detallou algúns dos puntos que el considera conflitivos dentro dese "problema de tráfico severo e continuado" que ten a cidade desde hai anos: Xeneral Martitegui, O Burgo, Santiaguiño, Cobián Roffignac ou Raíña Víctoria. Ademais, insiste en que en todas as enquisas sobre preocupacións dos pontevedreses, o tráfico figura sempre como unha das principais.