O PP pide "refacer" as axudas a autónomos e microempresas para que sexan "eficaces"

Pontevedra
15 de xullo 2020

"Non estamos en contra de que se concedan axudas, xa levamos meses pedíndoas, opoñémonos a que o Concello repita a práctica totalidade dunhas axudas existentes", defendeu Rafa Domínguez, que reclama que se "replanifiquen" estas subvencións

Pleno municipal en Pontevedra, o primeiro da "nova normalidade"
Pleno municipal en Pontevedra, o primeiro da "nova normalidade" / Mónica Patxot

Os populares pontevedreses pedirán ante o pleno da corporación que o Concello "refaga" a liña de subvencións aprobada para autónomos e microempresas, dotada con 1,25 millóns euros, para que sexan "eficaces" e cheguen "aos máis necesitados".

A este respecto, o PP considera que gran parte dos conceptos subvencionables por estas axudas "se solapan" con liñas similares de apoio aprobadas por outras administracións, entre elas a Xunta de Galicia.

Dous dos programas autonómicos, sinala o portavoz popular Rafa Domínguez, "cobren o 75% das actuacións subvencionadas polo Concello". Trátase do Plan Reactiva Comercio Seguro, dotado con 16 millóns de euros, e o Plan de Dixitalización, con 23,5 millóns.

"Non estamos en contra de que se concedan axudas, xa levamos meses pedíndoas, opoñémonos a que o Concello repita a práctica totalidade dunhas axudas existentes", defendeu Domínguez, que reclama que se "replanifiquen" estas subvencións.

O líder popular considera que o Concello "perdeu o contacto coa rúa" e por iso esta liña de axudas municipais están "moi afastadas" das necesidades do sector, xa que entre outras cousas "deixa fóra aos colectivos máis vulnerables e golpeados pola pandemia".

O PP reclama que, para unha maior coordinación, estas axudas sexan tratadas e consensuadas no seo dunha comisión de traballo para a reconstrución da economía pontevedresa tras a crise provocada pola pandemia da COVID-19.

OUTROS ASUNTOS DO PLENO

O pleno da corporación, que se celebrará o vindeiro luns 20 de xullo, analizará tamén o informe sobre o modificado do proxecto da A-57, no que se ampliaron as zonas de afectación. Os técnicos municipais propoñen suxerencias para mellorar camiños e conexións.

Ademais, debaterase a modificación de crédito que, por valor de 3.435.000 euros, prevé aprobar o goberno municipal, entre outras cuestións para o pago das axudas a autónomos e microempresas. Previsiblemente, o PP absterase.

A sesión incluirá tamén unha modificación do cadro de persoal do Concello e a proposta de adhesión da Lama e Barro á mancomunidade turística de Terras de Pontevedra.

O PP presentará ademais outras dúas mocións, unha para o arranxo do pavillón deportivo de Verducido e outra para que o Concello ceda a biblioteca de Ponte Sampaio para convertela na consulta do médico que atende aos pacientes da parroquia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora