O PP pide reforzar o CIM ante a "avalancha" de solicitudes de axuda por casos de violencia de xénero

Pontevedra
19 de decembro 2019

O grupo municipal do PP de Pontevedra presentará unha moción no próximo pleno da corporación para pedir ao Concello que reforce o Centro de Información á Muller. Cre necesario "dotalo dos recursos suficientes para poder facer fronte ao repunte de casos", xa que o persoal está "desbordado" polas situacións que teñen que afrontar cada día

Pepa Pardo e Silvia Junco, na sala de prensa do Concello
Pepa Pardo e Silvia Junco, na sala de prensa do Concello / Partido Popular de Pontevedra

O grupo municipal do PP de Pontevedra presentará unha moción no próximo pleno da corporación para pedir ao  Concello que reforce o Centro de Información á Muller (CIM), servizo de titularidade municipal desde 2016, para dotalo de máis persoal específico ante a "avalancha" de solicitudes de axuda por casos de violencia de xénero.

A concelleira do Partido Popular Silvia Junco rexistrou a moción e lembra que os CIM son organismos dunha importancia decisiva no ámbito local na promoción da Igualdade que "prestan unha atención inestimable" ás persoas que demandan o servizo e, por tanto, resulta de gran importancia ao proporcionar todo tipo de asesoramento e información encamiñada á consecución da igualdade real efectiva entre mulleres e homes.

Dentro da atención prestada polo CIM, Junco destaca especialmente a ofrecida ás mulleres en situación de vulnerabilidade por diversos motivos e, en concreto, o servizo prestado ás mulleres que son vítimas de violencia de xénero e argumenta que estes centros son ferramentas "decisivas" na prevención, detección, tratamento e loita en xeral contra esta lacra social desde unha relación de proximidade e atención directa.

Silvia Junco destaca o "gran labor" que desempeña o CIM, por iso cre necesario "dotalo dos recursos suficientes para poder facer fronte ao repunte de casos", xa que o persoal está "desbordado" polas situacións que teñen que afrontar cada día.

"É público que o propio persoal do centro denunciou que este servizo municipal está saturado", lembra Junco.