O Partido Popular de Poio celebrou este venres en Combarro o acto 'Feitos', co obxectivo de poñer en valor as obras e os investimentos realizados pola Xunta de Galicia en materia de saneamento e depuración na ría de Pontevedra.
Ao acto asistiron ademais do máximo responsable local dos populares, Ángel Moldes, o presidente provincial Luís López, as conselleiras Ethel Vázquez e Rosa Quintana e os alcaldes de Sanxenxo e Marín, Telmo Martín e María Ramallo, así como representantes de confrarías, agrupacións de mariscadoras e colectivos veciñais.
Os populares destacaron os máis de 50 millóns de euros que o goberno galego está a investir no saneamento da ría, poñendo como exemplos as actuacións para a construción dun novo emisario submarino e a levada a cabo na depuradora dos Praceces, ademais dos proxectos previstos nos próximos meses coa mellora dos bombeos da Seca e do porto de Campelo.
"Hai quen se esquece das actuacións en saneamento porque non son tan visibles e non venden tanto, pero deben ser investimentos prioritarios", sinalou sobre o acto o candidato do PP á alcaldía de Poio criticando dúas parroquias como Raxó ou Samieira sigan actualmente sen os sistemas de depuración necesarios para evitar realizar verteduras ao mar. "Desexamos que canto antes ese problema se solucione", afirmou.