O PP presenta alegacións para evitar "inxerencias políticas" na elección do consello asesor do Museo

Pontevedra
28 de outubro 2019

Os populares propoñen establecer criterios de selección e baremo das persoas que van ser designadas como vocais. Ademais, entenden que é importante que haxa unha "representación proporcional da sociedade pontevedresa" e profesionais de relevancia no mundo cultural, académico ou profesional

Exterior do Edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra (Arquivo)
Exterior do Edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra (Arquivo) / PontevedraViva

O grupo provincial do Partido Popular presentou varias suxestións e alegacións ao novo regulamento do Museo de Pontevedra para evitar "inxerencias políticas" na elección do novo consello asesor.

O voceiro do PP, Jorge Cubela, defende que "o importante é que o Museo conte cun regulamento que estea á altura do seu prestixio, porque o que propón PSOE e BNG non o está, é un regulamento pobre, con moitas lagunas e aberto a unha total inxerencia política".

Os populares propoñen establecer criterios de selección e baremo das persoas que van ser designadas como vocais. "Establecer un baremo de selección é fundamental para garantir a meritocracia e evitar a dedocracia", explica Cubela.

Ademais, entenden que é importante que haxa unha "representación proporcional da sociedade pontevedresa" e profesionais de relevancia no mundo cultural, académico ou profesional.

Outra das suxestións propostas polo PP é suprimir a indemnización e establecer a gratuidade.

Asemade, tamén consideran que é fundamental restrinxir as sesións a distancia, que na proposta do goberno se contempla como unha posibilidade en calquera caso, para promover a participación presencial e que se limite a casos específicos, como por exemplo baixa por embarazo, baixa por maternidade ou paternidade ou en caso de enfermidade. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora