O PP presenta mocións na Deputación e nos concellos para esixir a baixada do prezo da luz

Pontevedra
17 de xuño 2021

Os populares sinalan que esta subida histórica é "insostible" e un "lastre" para a recuperación económica das familias, moitas en risco de pobreza enerxética, pero tamén para os autónomos e empresas

Tendido eléctrico
Tendido eléctrico / Mónica Patxot

O Partido Popular presentará mocións na Deputación de Pontevedra e nos concellos da provincia para instar ao Goberno central a baixar o prezo da luz actuando sobre determinados impostos e custes regulatorios.

O voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela, sinala que "esta transición enerxética improvisada e desordenada do Goberno están tendo consecuencias moi negativas para toda a provincia".

Consideran os populares que o "aumento desproporcionado" do prezo da electricidade, que este mércores volveu a rexistrar subas históricas e sitúa xa o mes de xuño como o mes máis caro desde que hai rexistros, "está arroxando a centos de familias á pobreza enerxética e convertendo tarefas cotiás e necesarias en actividades de luxo". Pero tamén está "castigando" a todos os autónomos e negocios que deberían comezar a recuperarse e están afrontando "sobrecustes enormes" porque precisan consumir enerxía todo o día.

Por iso, os populares levarán unha moción para o seu debate aos plenos provincial e dos concellos da provincia na que instan ao Goberno central a rebaixar o tipo de gravame do Imposto sobre o Valor da Produción de Enerxía Eléctrica do 7% ao 0%, modificar a Lei do Sector Eléctrico para, entre outras cousas, que determinados custes regulatorios que se trasladan á factura eléctrica sexan financiados íntegramente con cargo aos orzamentos xerais do Estado, así como facilitar a comprensión do recibo e poñer en marcha de xeito inmediato unha campaña de información aos consumidores que explique de forma sinxela e comprensible a nova tarifa da luz.