Crear unha Gala Municipal do Deporte para "recoñecer e estimular" aos deportistas vinculados con Pontevedra. É a proposta que fai o Partido Popular nunha moción que presentarán no próximo Pleno da corporación.
Esta iniciativa, que defenderá o concelleiro Tomás Abeigón, busca que a través do Instituto Municipal de Deportes (IMD) se redacten as bases reguladoras para a concesión destes premios e se impulse a celebración desta gala que tería unha periodicidade anual.
"Os nosos deportistas son todo un orgullo para Pontevedra e debemos ofrecerlles a estes campións o recoñecemento que merecen", manifestou Tomás Abeigón.
Os populares recordan que Pontevedra alberga a numerosos deportistas de alto nivel e todos eles, sinalan nun comunicado, cos seus éxitos e medallas conquistadas "exercen de embaixadores de Pontevedra alá a onde van".