O grupo municipal popular sinalaba este venres que no centro de Pontevedra incrementáronse o número de prazas de carga e descarga durante os últimos anos en detrimento doutro tipo de espazos de aparcamento. Malia iso, os populares, a través do concelleiro José Luis Martín, destacan a ausencia de prazas para servizos de primeira necesidade.
Por este motivo, reclaman a creación de estacionamentos exprés situados nas proximidades ás farmacias.
Martín explicaba que a permanencia do vehículo no aparcadoiro se limitaría ao tempo que levara a compra do medicamento. Desta forma, indicou o concelleiro do grupo popular, que se resolvería o problema actual para aquelas persoas que necesitan acudir con urxencia a unha farmacia e non atopan espazo onde deixar o seu vehículo véndose obrigados a continuar circulando de forma que aumenta o volume de tráfico na zona.
Os populares entenden que as actuais zonas de carga e descarga non resolven o problema, xa que habitualmente se atopan ocupadas por vehículos que están a realizar outro tipo de servizos. José Luis Martín afirmó que a implantación desta medida permitiría máis fluidez de circulación, xa que as xestións nas farmacias por parte dos clientes non adoitan superar os cinco minutos e a Policía Local detectaría rapidamente aqueles turismos que superaran ese tempo.
O grupo municipal popular que encabeza Jacobo Moreira presentará unha moción no vindeiro pleno solicitando a creación destas prazas de aparcadoiro exprés na cidade fronte aos establecementos farmacéuticos, unha medida que conta con antecedentes en localidades como Arteixo, Torrelavega ou Torrelodones.