O PP propón crear unha plataforma para a distribución de produtos con selo pontevedrés para apoiar o comercio local

Pontevedra
25 de abril 2020

Rafa Domínguez explicou que a súa proposta pasa por habilitar un centro loxístico que funcione como almacén destes bens e desde onde se coordine a repartición de produtos fabricados e ofertados en Pontevedra, ao estilo de servizos como Deliveroo ou Glovo, pero só con produtos da cidade 

Rafa Domínguez, portavoz do Partido Popular en Pontevedra
Rafa Domínguez, portavoz do Partido Popular en Pontevedra / Cristina Saiz

O grupo municipal do PP de Pontevedra remitiu un escrito ao Concello no que propón a creación dunha plataforma de venda de produtos locais liderada pola administración local para a "distribución de produtos con selo pontevedrés". 

Os 'populares' apostan por esta medida para que Pontevedra se adiante ás restricións que xerará a crise do coronavirus e se adapte ao que a sociedade demanda no 2020. 

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, explicou que a súa proposta pasa por habilitar un centro loxístico que funcione como almacén destes bens e desde onde se coordine a repartición de produtos fabricados e ofertados en Pontevedra

Rafa Domínguez explica que a rede de distribución que propón tamén permite que se somen aqueles comercios locais que queiran realizar repartición desde os seus establecementos a domicilios da cidade do Lérez, ao estilo de servizos como Deliveroo ou Glovo, pero só con produtos da cidade. 

"Trátase dunha aposta en aras de fortalecer e facilitar a compra de produtos con selo pontevedrés e adaptar o noso tecido comercial ás novas tendencias de consumo", explicou Domínguez, que cre que compartir os gastos loxísticos entre os integrantes da plataforma fortalecerá e fará máis competitivos aos comerciantes e empresas pontevedresas

A proposta do PP pasa por sacar a concurso público a xestión e repartición e xa se compartiu coa Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra.

Esta non é a primeira moción de apoio ao comercio local do PP. Así, o concelleiro Pablo Fernández xa instou ao Concello a crear unha marca para identificar o comercio local e o grupo municipal xa presentou unha moción na que solicitan a exención aos sectores afectados de todos os impostos e taxas municipais desde a declaración do estado de alarma.