O PP propón rebautizar o Pavillón en homenaxe ao arquitecto Alejandro de la Sota

Pontevedra
06 de xuño 2016

A súa proposta é aproveitar que este verán se acomenterán as obras de mellora da cuberta do pavillón para, cando se inauguren as novas instalacións, facer unha homenaxe ao seu arquitecto e cambiarlle o nome. Coincidirían, desta maneira, o décimo aniversario da morte do autor e a mellora das instalacións cunha merecida homenaxe á súa figura

Tomás Abeigón presenta a proposta para rebautizar o Pavillón en homenaxe a Alejandro de la Sota
Tomás Abeigón presenta a proposta para rebautizar o Pavillón en homenaxe a Alejandro de la Sota / PontevedraViva

O grupo municipal do PP quere que o pavillón municipal dos deportes pase a ser unha homenaxe ao arquitecto que o ideou, o pontevedrés Alejandro de la Sota, en recoñecemento á súa figura e a todo o traballo que fixo en e por Pontevedra. Por iso, con motivo do décimo aniversario da súa morte, propón que as instalacións deportivas se rebauticen e pasen a denominarse Pavillón Municipal dos Deportes Alejandro de la Sota. 

O concelleiro do PP Tomás Abeigón presentou esta proposta este luns nunha comparecencia e avanzou que o seu grupo a levará ao próximo Pleno municipal deste mes de xuño para o seu debate e posterior aprobación. Segundo recoñeceu, aínda non lle presentaron a súa idea ao resto dos grupos políticos con representación na corporación, pero confían en que a moción teña boa acollida no resto das forzas políticas.

A súa proposta é aproveitar que este verán se acometerán as obras de mellora da cuberta do pavillón para, cando se inauguren as novas instalacións, facer unha homenaxe ao seu arquitecto e cambiarlle o nome. Coincidirían, desta maneira, o décimo aniversario da morte do autor e a mellora das instalacións cunha merecida homenaxe á súa figura.

Segundo explicou, a intención dos 'populares' é recoñecer a obra deste pontevedrés, "uno de los arquitectos con mayor proyección"  do século XX, "uno de nuestros vecinos más relevantes" e "insigne arquitecto" que deseñou e proxectou esta instalación deportiva nos anos 60 e tamén outras moitas obras que o fixeron gañador en tres ocasións do Premio Nacional de Arquitectura, da Medalla de Ouro ao Mérito de Belas Artes e da Medalla de Ouro do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos.