O PP provincial acusa a Carmela Silva de instalar a censura na Deputación

Pontevedra
26 de maio 2017

Os populares critican do goberno da Deputación Provincial a falta de transparencia e o que entenden son pasos cara atrás en aspectos democráticos

Elena Muñoz, Ángel Moldes e Luisa Piñeiro, do PP provincial
Elena Muñoz, Ángel Moldes e Luisa Piñeiro, do PP provincial / PontevedraViva

O grupo provincial do Partido Popular lamentaba este venres que o goberno bipartito da Deputación "censurase" unha das mocións que os populares presentaran para o pleno que se celebrará o vindeiro luns 29 de maio. A moción, que foi rexeitada, reclamaba explicacións da presidenta da Deputación, Carmela Silva, sobre un presunto enchufe da súa cuñada no Concello de Vigo.

Os populares, a través de Ángel Moldes, Elena Muñoz e Luisa Piñiero, lamentan que a presidenta provincial se escude tras os informes xurídicos para evitar dar explicacións sobre este caso. 

Ante esta decisión consideran que se está censurando desde o goberno provincial para evitar ofrecer explicacións políticas. Os populares acusan tanto os socialistas como aos socios de goberno do BNG por facer seguidismo e ser cómplices do que consideran "un paso de xigante cara atrás" en termos democráticos. 

Esperan que a presidenta reflexione durante esta fin de semana para que o luns decida dar resposta á moción. 

Ángel Moldes tamén criticou que, durante o mandato de Carmela Silva, a presidenta provincial teña moita presenza en Vigo e pouca no resto da provincia. E lamentou que a execución de infraestruturas e de eventos estea paralizada. Tamén considera negativo que o goberno da Deputación colaborase "a destruír a alcaldía de Sanxenxo".