O PP provincial recolle demandas para pedir medidas á Deputación que axuden a reactivar a economía

Pontevedra
07 de maio 2020

O voceiro do grupo popular Jorge Cubela afirma que “a crise sanitaria está deixando ao seu paso unha crise económica profunda” e por iso entende que a Deputación de Pontevedra debe xogar un papel fundamental na axuda para saír desta situación actual

Encontro telemático de deputados do PP co sector vitivinícola
Encontro telemático de deputados do PP co sector vitivinícola / Partido Popular provincial

Deputados provinciais do grupo do Partido Popular están a manter contactos telemáticos con representantes de diversas entidades de sectores económicos e produtivos da provincia.

Con estes encontros, os populares queren escoitar e analizar que situación atravesan empresas e colectivos, ademais de coñecer as súas demandas para trasladalas ao goberno provincial da Deputación co obxectivo de que se adopten medidas que permitan reactivar a economía provincial.

Durante este mércores, os representantes populares mantiveron un encontro co sector vitivinícola, no que participaron xerentes de diversas adegas da provincia. Nos próximos días tamén teñen previsto establecer reunións por vídeoconferencia con organizacións sociais, o sector hostaleiro entidades culturais e deportivas, co sector agropecuario, empresarios e autónomos.

 Jorge Cubela, portavoz do grupo, afirma que con estas accións van tentar coñecer a situación real de cada sector e comprobar o impacto laboral e económico que se deriva da expansión da pandemia. Cubela sinala que quere escoitar as propostas destes colectivos para realizar as fases de desescalada. Considera que, en xeral, todos os sectores precisan apoio para garantir a súa superviviencia no futuro.