O PP queda só na votación en contra da Conta Xeral municipal de 2015

Pontevedra
12 de agosto 2016

Os populares votaron en contra na comisión de Economía e denuncian 240 reparos e máis de 14 millóns adxudicados de maneira directa 

Comisión de Economía
Comisión de Economía / Mónica Patxot

O PP foi o único partido que na comisión de Economía votou en contra da aprobación da Conta Xeral municipal de 2015. Rafael Domínguez, concelleiro do Partido Popular e presidente desta comisión, manifestou que dos 17.500.000 euros investidos durante o pasado ano no Concello de Pontevedra, 14.200.000 euros realízanse de forma directa ou sen publicidade. Os populares indican que esta situación non atopa similitude noutros concellos galegos. 

O voto en contra do PP xustificouse tamén por Domínguez nos 240 reparos que os técnicos municipais teñen realizado aos contratos aprobados pola alcaldía e ao fraccionamiento dos contratos, dos que tamén alertan os funcionarios, "para evitar os controis da lei".

Rafael Domínguez entende que o goberno local do BNG sostén unha rede clientelar baixo estas cifras e apunta a que hai patróns nos que sempre aparecen as mesmas empresas. 

A Conta Xeral, con todo, foi aprobada cos votos da formación nacionalista e coas abstencións do PSOE, Marea Pontevedra e Cidadáns.

VERSIÓN DO GOBERNO DO BNG

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, sinala que o número exacto dos reparos ante contratos do Concello son 186 e exclúe os dos organismos autonómos, ademais de entender que se trata de cuestións menores. Gulías indicou que ao Partido Popular moléstalle que "este Concello teña un ritmo de traballo frenético".