O PP quere que o goberno da Deputación apoie a prisión permanente revisable

Pontevedra
12 de febreiro 2018

A portavoz do Partido Popular, Elena Muñoz, levará ao vindeiro pleno unha moción reclamando un posicionamento de todos os grupos provinciais sobre o debate aberto arredor de manter esta pena para crimes de gravidade

Rolda de prensa do PP sobre a prisión permanente revisable
Rolda de prensa do PP sobre a prisión permanente revisable / Partido Popular

A portavoz provincial do PP na  Deputación Provincial, Elena Muñoz, entende que a apertura deste debate está a causar dor nas vítimas ao referirse a un dos temas que está a xerar polémica nas últimas semanas entre as distintas forzas políticas: a derrogación da prisión permanente revisable. 

A contestación social é o que, segundo Muñoz, provocou que o PP leve esta cuestión aos plenos tanto municipais como provinciais. Así o fará na Deputación Provincial este mes.

Os populares lembran que esta pena só afecta a delitos extraordinarios e non supón a condena perpetua nin se opón á reinserción do condenado. A representante do Partido Popular indicaba, este luns 12, que o único que busca esta figura é garantir que a reinserción dos condenados por un delito grave sexa sen risco para a cidadanía.

Elena Muñoz incidiu en que o PSdeG-PSOE debe aclarar a súa postura xa que mentres no pleno de Vigo abstívose no debate sobre este tema, no Parlamento de Galicia votou en contra.

Fronte a esta situación, insisten en que o PP mantén unha actitude clara respecto deste tema e seguirán defendendo a prisión permanente  revisable, que entenden que debe ser ampliada a casos como os de secuestro ou cando o culpable non facilite a procura das vítimas. Os populares aseguran que é un instrumento que existe en moitos países da nosa contorna e ten perfecto encaixe penal.