O PP quere que Pontevedra se sume ao "Programa de Vivendas Baleiras"

Pontevedra
15 de abril 2016

Este programa busca mobilizar as vivendas baleiras do municipio, xa sexan de propiedade municipal ou de terceiros, co fin de destinalas a alugueiro social

Vista aérea da cidade de Pontevedra
Vista aérea da cidade de Pontevedra /

O Partido Popular, a través do seu portavoz Jacobo Moreira, reclama ao goberno local de Pontevedra que inicie os trámites para que o Concello se sume ao "Programa de Vivendas Baleiras" que promove a Xunta de Galicia co obxectivo de favorecer o acceso á vivenda a aqueles colectivos máis vulnerables.

Segundo Moreira, Pontevedra sofre unha importante caída do peso de gasto social nos orzamentos municipais reducíndose case un punto desde 2011 e afirma que é o municipio español con menor gasto social por habitante e que o goberno do BNG eliminou ao equipo de Inclusión Social.

Ante esta situación, o portavoz do PP reclama a colaboración entre administracións. A Consellería do Territorio puxo en marcha este programa que censa as vivendas desocupadas coa intención de que o órgano competente en materia de vivenda teña datos sobre o estado de ocupación en Galicia.