O PP quere regular o uso das instalacións deportivas municipais

Pontevedra
23 de febreiro 2018

O concelleiro Tomás Abeigón asegura que dende o pasado mes de xuño se está impedindo a práctica deportiva a moitos pontevedreses nestas instalacións municipais mentres que o goberno local ampárase na ausencia dunha normativa reguladora

Tomás Abeigón, concelleiro do Partido Popular en Pontevedra
Tomás Abeigón, concelleiro do Partido Popular en Pontevedra / PontevedraViva

Os populares solicitan a elaboración dunha normativa que permita aos veciños de Pontevedra o uso e desfrute das instalacións deportivas municipais e os seus servizos e actividades.

A excepción do Pavillón Municipal dos Deportes, que dende 1989 conta cunha ordenanza que regula a "taxa por prestación de servizos" e que tal e como apuntou o edil popular, Tomás Abeigón, "aínda aparecen os cálculos en pesetas", ningunha outra instalación deportiva municipal ten regulado nada ao respecto.

En consecuencia, segundo o PP, dende o pasado mes de xuño, o Concello de Pontevedra impide a realización de partidos amistosos nas instalacións deportivas municipais, amparándose na ausencia dunha normativa que permita aboar o uso e desfrute de ditas instalacións.

Esta situación, di Abeigón, está a afectar directamente a arredor de 150 participantes destes encontros, que dende hai máis de 15 anos veñen utilizando estas instalacións municipais e que actualmente sofren "un auténtico desprezo" por parte do goberno nacionalista.

Para os populares "se constata unha vez máis a nula atención ao deporte local, o deporte base. O deporte pontevedrés ten que despertar por fin deste pesadelo no que o goberno nacionalista o ten inmerso. Non hai plan, todo se improvisa", lamentou Tomás Abeigón.

Transcorrido un ano dende a disolución do Instituto Municipal de Deportes (IMD), o PP conclúe "que este cambio supuxo un auténtico fracaso", pois "a cidade non só presenta os mesmos problemas en materia deportiva que antes, senón que este víronse agravados e incrementados", destacou o edil popular

Abeigón puxo como exemplos desta "nefasta política en materia deportiva" a situación das piscinas de Campolongo, o déficit de instalacións deportivas municipais e "a falta de mantemento e control das existentes ou subvencións deportivas que seguen sen entregarse aos clubs deportivos da nosa cidade dende o ano 2015".