O PP reclama á Deputación que incremente os cartos destinados aos GES

Pontevedra
08 de novembro 2021

Alcaldes e voceiros populares dos concellos da provincia que contan con GES acompañaron a Cubela nesta petición que ten coma obxectivo mellorar a cobertura destes servizos, "tendo en conta que os servizos de emerxencias son competencias das deputacións e dos concellos con máis de 20.000 habitantes, e a Xunta sempre asumiu a súa vontade de dedicar más da metade do financiamento dos GES"

Rolda de prensa do PP para solicitar máis fondos para os GES
Rolda de prensa do PP para solicitar máis fondos para os GES / PontevedraViva

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela anunciou que veñen de presentar unha moción para o seu debate no próximo pleno na que se insta á Deputación de Pontevedra a destinar máis fondos para a renovación do convenio para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) no próximo período 2022-2024.

Alcaldes e voceiros populares dos concellos da provincia que contan con GES acompañaron a Cubela nesta petición que ten coma obxectivo mellorar a cobertura destes servizos, "tendo en conta que os servizos de emerxencias son competencias das deputacións e dos concellos con máis de 20.000 habitantes, e a Xunta sempre asumiu a súa vontade de dedicar más da metade do financiamento dos GES".

A provincia de Pontevedra conta con 7 GES, 5 deles de doce persoas e con unha soa sede e dous con dúas sedes: Mancomunidade do Val Miñor, Baixo Miño, Ulla-Umia, Tabeiros-Terra do Deza, a Paradanta, A Lama, Redondela-Mos,  máis dous servicios municipais de bombeiros en Sanxenxo e Ponteareas.

Na pasada Comisión de Seguimento dos GES celebrada o 20 de outubro, a Xunta propuxo ás deputacións provinciais e á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) o incremento do persoal, para que todos os GES teñan 12 efectivos, actualizar os salarios de todos estes traballadores, e tamén duplicar a financiación dos catro servizos municipais de emerxencias en Galicia que prestan un servizo supramunicipal - Ponteareas e Sanxenxo na provincia de Pontevedra-, pasando de 155.000 euros a 310.000 euros anuais para cada un.

Estas medidas suporán un incremento de 1,5 millóns de euros no investimento anual do Goberno galego no mantemento destes grupos, dos que financia máis da metade do seu custo.

Jorge Cubela afirmou que os municipios "estamos pois ante unha situación moi grave de indefensión e incerteza" ao atoparse "nunha situación moi comprometida para a adecuada cobertura das emerxencias se a Deputación de Pontevedra non cumpre coas súas competencias", asegurou este portavoz do PP.

"A Deputación non pode estar calada mais tempo", reiterou Cubela sobre esta renovación "fundamental" para "a seguridade dos nosos veciños" polo "labor indispensable" que fan estes GES. 

A portavoz do PP de Redondela, Carmen Amoedo, centrou as críticas na presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "non pode ser que a Xunta traballe por dar mellores servizos e Carmela Silva se agoche e non diga nada", argumentou.